Cine de Nadal este sábado na Casa Cultural Fontenla

Cine de Nadal este sábado na Casa Cultural FontenlaAo abeiro do programa Cultura24 proxectarase a película ‘Last Christmas’ a partir das 18.30 h, con entrada de balde ata completar aforo

 

Sesión de cine de Nadal para esta fin de semana en Ponteareas ao abeiro do programa Cultura 24. O Concello organiza este sábado 11 ás 18.30 horas a proxección da película ‘Last Christmas’ na Casa Cultural Fontenla. A actividade, de balde con entrada libre ata completar aforo, está recomendada para maiores de 7 anos.

 

Con esta proxección continúa a achegarse a actividade cultural e de lecer ás 24 parroquias do municipio, “dinamizando os centros culturais e o propio tecido creativo da vila”, como sinala o concelleiro de Cultura, Fernando Groba. O edil convida a todos os veciños e veciñas a que gocen dunha tarde de cine e de cultura segura.

 

‘Last Christmas’, baseada na canción do mesmo nome e inspirada na música de George Michael, conta a historia de Kate, que deambula amargada polas rúas de Londres acompañada polo continuo ruído dos cascabeis dos seus zapatos, xa que traballa como elfo nunha tenda de Nadal que abre todo o ano. Cando Tom aparece na súa vida, Kate comeza a ver as cousas de forma máis optimista, aínda que ao chegar o Nadal todo parece poñerse en contra da parella. É unha comedia romántica dirixida por Paul Feig con guión da actriz Emma Thompson e da dramaturga Bryony Kimmings e protagonizada por Emilia Clarke e Henry Golding.