Cinco xeracións de escolares de Ensino Secundario de Ponteareas levan descubrindo a figura de don Fermín Bouza Brey.

Xornadas sobre Fermín Bouza BreyCinco xeracións de alumnos de Ensino Secundario de todos os centros educativos de Ponteareas levan descubrindo desde hai cinco anos a figura do ilustre ponteareán Fermín Bouza Brey ao longo deste mes de marzo, grazas a un proxecto de difusión da figura do escritor levado a cabo polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ponteareas, no que se fai un percorrido pola súa vida e a súa obra, poñendo de manifesto a relación deste coa súa vila natal. Como introdución, e contextualización, visualizarán ademais como era Ponteareas na época que lle tocou vivir, como era a praza por onde corría e xogaba cando era pequeno,   como era un día de feira, como vestía a xente, os seus costumes, etc.

Esta campaña de difusión do escritor enmárcase nunha campaña iniciada no 2009 polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ponteareas, dependente da Concellería de Cultura, que dirixe Andrés Sampedro Fernández, e cuxo obxectivo e dar a coñecer este ilustre ponteareán aos escolares de 4ª curso de Ensino Secundario, desde unha perspectiva adaptada á idade do alumnado. Todos os centros de Ensino Secundario participarán neste proxecto, que comezou o día 7 de marzo no Colexio Plurilingüe La Inmaculada e seguirá a súa andaina o día 18 de marzo no no IES Val do Tea, o 19 de marzo no Colexio Plurilingüe Santiago Apóstol, o 25 de marzo no IES de Ponteareas, rematando o día 28 no IES Pedra da Auga.