Cinco grupos de teatro suben ao escenario nas III xornadas do Teatro Amador

A concellería de Cultura informa que haberá bonos cun prezo reducido para as cinco funcións

A concellería de Cultura, que dirixe Fernando Groba, presenta as III Xornadas do Teatro Amador que comezarán este sábado día 12 ás 20:30 horas no auditorio municipal. Unha nova edición na que participarán cinco grupos de teatro afeccionado e coa que a concellería de Cultura pretende difundir o seu talento e promover o seu traballo.

Acompañado de Gabriel Caxide, do grupo de teatro Pena do Equilibrio, Fernando Groba adiantou o programa previsto que dará comezo este sábado coa obra “Todo queda na casa” do grupo de teatro de Xinzo. O domingo día 13 ás 19:00 horas actuará o grupo de teatro Pena do Equilibrio con “Simplemente persoas”. O sábado día 19 ás 20:30 horas o grupo de Marín Peta na Porta porá en escena “O pequeno poni” e o domingo día 20 ás 19 horas será o turno do grupo Pedra do Cabalo de Celeiros que interpretará “Queremos casar a filla”. O grupo dirixido por Roi Vidal, Troteatro, pechará esta terceira edición o sábado 26 ás 20:30 horas con “O paraugas transparente”.

A entrada para cada obra terá un prezo por función de 2 euros pero que estará a disposición do público un bono para as cinco funcións cun prezo reducido de 5€.

Os billetes pódense adquirir unha hora antes de cada función no auditorio municipal ou ser reservados no número de teléfono 672 10 54 72 de luns a venres de 8 a 15 horas.

O xurado estará formado por un representante de cada grupo participante e valorará as seguintes categorías: mellor actriz e actor principal, mellor actriz e actor secundario, mellor dirección, mellor obra, mellor vestiario, mellor texto, mellor escenografía e mellor obra do público xa que este ano por vez primeira o público valorará as obras concedendo este décimo premio.

Para premiar ao público, ao final de cada representación os grupos sortearán agasallos entre os asistentes.

Fernando Groba salienta a importancia destas xornadas que ademais de fomentar o xénero do teatro e ofrecer unha actividade de lecer a toda a veciñanza, tamén promove aos nosos actores e actrices locais e dos arredores.

A entrega de premios será o 27 de outubro no auditorio municipal.