Científicos de recoñecido prestixio participan na III Semana das Ciencias

A concellería de Ensino do Concello de Ponteareas que dirixe a nacionalista Cristina Fernández adianta algunhas das novidades da terceira edición da Semana das Ciencias que este ano ofrecerá un seminario para profesorado baixo o título “Recollida de datos metereolóxicos. Estacións metereolóxicas, observación e rexistros”. O dez de abril os participantes neste seminario trasladaránse ao convento de Canedo para aprender da man do profesor de física e Premio Nacional de Metereoloxía 2018, Miguel Ángel García Pérez.

Xabier Prado abrirá a Semana das Ciencias o día 9 ás 19 horas coa presentación do xogo “Once Torres” para dar paso ás investigadoras da Universidade de Santiago e Vigo, Luisa Mª Seoane Camino, María de la Fuente e Mara Álvarez.

O día 10 de abril ás 19:30 horas o director da escola de enxeñería forestal de Pontevedra, Juan Picos Martín, relatará “cómo facer produtivos os nosos montes”.

Ao día seguinte, o director do Campus de Excelencia Internacional Campus do Mar e catedrático de ecoloxía da universidade de Vigo, Emilio Fernández Suárez, falará do cambio climático.

O ambientólogo e investigador da área de xeografía e física da Universidade de Vigo e ex-alumno do IES Pedra de Auga, Miguel Ángel Vázquez, achegaranos a ollada do antropoceno dende os ríos galegos o día doce de abril.

Todas as conferencias comezarán ás 19:30 horas.

O doce de abril tamén será o turno do congreso do alumnado “Futuros investigadores/as” no salón de actos do IES Val do Tea. 

O Museo científico estará aberto de mañá e tarde con cita previa dende o día 9 ata o 13 de abril. Un museo cientítico activo con máis de setenta obxectos co lema “prohibido non tocar” que promoverá a curiosidade e interese polas ciencias e a natureza. 

Pero tamén haberá charlas sobre a fauna dos montes da comarca nos distintos centros escolares, visitas educativas para o alumnado ao museo Apípolis en Xeve, Pontevedra e á CCMM de Xinzo e Asociación Forestal de Galicia (AFG).

Ademais, o trece de abril chegará a feira das ciencias en turno de tarde na rúa Esperanza, Oriente e Praza de Bugallal. 

As actividades da Semana das Ciencias complétase cunha exposición fotográfica no corredor do auditorio.

“A terceira edición da Semana das Ciencias acollerá a visita da Universidade de Santiago que informará sobre as distintas ensinanzas que ofrecen”, explica a concelleira Cristina Fernández que insiste na importancia de implicar á mocidade facéndoos parte activa do seu futuro. 

Os Xardíns da Xiralda acollerán “Achégate á Ciencia” con experiencias científicas realizadas presentadas para o público en xeral de Ponteareas o día 14 de abril. 

O programa complétase cunha exposición fotográfica no corredor do auditorio pechando as súas portas o sábado día 14 de abril ás 13:00 coa entrega de premios do concurso de fotografía “Ponteareas e o Medio Ambiente”.