Chega a sétima edición do torneo popular de tenis “Concello de Ponteareas”

A presentación oficial tivo lugar nos Xardíns da Xiralda e contou coa presenza do concelleiro de Deportes, Benito Márquez

A data límite para inscribirse no campionato organizado polo Club Tenis Ponteareas será o vindeiro 1 de setembro

A competición celebrarase nas pistas da Freixa e Reiro entre os días 5 e 20 de setembro

torneo-tenis-concello-ponteareasO prazo para inscribirse no sétimo torneo popular de tenis “Concello de Ponteareas”, que foi presentado esta mañá nos Xardíns da Xiralda, estará aberto até o vindeiro sábado, 5 de setembro, ás 22:00 horas. Até ese día todas aquelas persoas interesadas poden informarse a través do enderezo electrónico clubtenisponteareas@hotmail.com e do número de teléfono 607 161 182.

O prezo de inscrición é de 7 euros na modalidade individual e de 10 euros para cada parella de dobres. O campionato contará con catro categorías: sénior masculino, sénior feminino, júnior masculino e dobres mixto. Ademais, a organización ten prevista un cadro final e un cadro de consolidación para cada unha destas categorías, de xeito que aqueles xogadores ou xogadoras que perdan o primeiro partido poidan seguir competindo no torneo e disputando algúns encontros máis. A composición dos cadros poderase consultar na web www.clubtenisponteareas.blogspot.com a partir do 3 de setembro ás 22:00 horas.

A concellería de Deportes xestionada por Benito Márquez colabora nun evento que agarda superar a centena de participantes, ao igual que xa aconteceu na anterior edición.