Chega a orquestra europea de música folk, Sondeseu, á Praza Maior de Ponteareas

O domingo 23 de xuño a Praza Maior acollerá o concerto dunha das primeiras orquestras europeas de música folk, Sondeseu. A partir das 22:30 encherán de sons e tradición a noite do domingo dentro do programa das festas do CORPUS CHRISTI que conta co apoio da Deputación de Pontevedra. 

O seu repertorio consta de temas procedentes da tradición oral da música popular de Galicia, arranxados especialmente para a formación polos seus compoñentes e responsables das distintas seccións que abranguen gaitas, percusión, zanfonas, violíns, requintas e frautas de madeira, canto, arpas e corda pulsada. Sondeseu naceu no ano 2001 no antigo departamento de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios, hoxe E-Trad, Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo, experiencia singular que persigue a fusión entre formación especializada, práctica escénica e música en comunidade. Dende entón leva unha traxectoria ascendente que a proxecta no panorama español e internacional, con cinco publicacións discográficas e numerosos recoñecementos públicos.