Causan deliberadamente importantes danos nas obras da Praza de Bugallal

Causan deliberadamente importantes danos nas obras da Praza de Bugallal

 

A Policía Local investiga os feitos para identificar ás persoas autoras dos danos e pide a colaboración cidadá

 

As obras da Praza de Bugallal sufriron importantes danos a madrugada deste luns causados deliberadamente por varias persoas que verteron ao longo duns 50 metros do pavimento unha substancia de cor negra, con aparencia de aceite industrial. Os danos tamén afectaron a un caixeiro automático dunha entidade financeira.

 

Causan deliberadamente importantes danos nas obras da Praza de BugallalSobre as 04.30 horas da madrugada a Policía Local recibiu unha chamada alertando dos danos. Os bombeiros da localidade procederon esta mañá a recoller unha mostra do produto para a súa análise. Ademais, a Policía Local xa iniciou a súa investigación coa inspección ocular da zona e a localización de cámaras de seguridade de establecementos situados no lugar dos feitos e proximidades que puideron captar ás persoas responsábeis dos danos.

 

A Policía Local solicitou a colaboración cidadá e calquera información ou dato que se poida achegar relativo a movementos nesta madrugada de persoas ou vehículos na Praza de Bugallal, así como nas rúas Morales Hidalgo, Esperanza e Senén Canido, por onde puideron acceder e saír as persoas autoras dos desperfectos.

 

Nos vindeiros días avaliaranse os danos e as posibles solucións que permitan repoñer o pavimento ao seu estado anterior, así coma o seu custo.

 

Nos últimos meses producíronse varios actos dirixidos a causar danos en obras promovidas polo Concello de Ponteareas. Así, a comezos de ano, uns artefactos pirotécnicos provocaron un incendio na caldeira de biomasa instalada na rúa Vidales Tomé e, durante varios meses, producíronse roturas e subtraccións de sinais de tráfico, así como o seu pintado nas obras de humanización do complexo deportivo Álvaro Pino e Centro de Saúde. Nestas mesmas obras tamén se causaron danos en numerosas plantas das zonas axardinadas mediante a utilización de produtos abrasivos.