Catrocentos alumnos e alumnas visitaron a 1ª Feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas

O Alcalde de Ponteareas e a Concelleira de Ensino do Concello de Ponteareas  inauguraron esta mañá a 1ª Feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas acompañados da inspectora de zona Teresa Fournol, o Deputado provincial Xosé Leal, e os concelleiros da Corporación. 

A inspectora Teresa Fournol felicitou á concelleira de Ensino por esta iniciativa incidindo na importancia de informar ao alumnado das múltiples ofertas educativas.

Pola feira pasaron preto de 400 alumnos do IES Pedra da Auga, CEMAR, IES Salvaterra, IES Pazo da Merced das Neves e IES Val do Tea. O alumnado do conservatorio municipal de Ponteareas actuou no escenario da feira e mañá actuará o alumnado de Mayeusis, Vigo.

Alumnado de Porriño e Mos visitarán mañá a 1º Feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas, tamén o farán os alumnos dos centros ponteareáns IES do Barral, Santiago Apóstol e A Inmaculada.  

A feira estase a celebrar no pavillón do complexo deportivo Álvaro Pino en horario de mañá e tarde o primeiro día (09:00-14:00 horas / 16:00-18:00h) e de 09:00h a 14:00 horas o día 6.

Vinte centros da provincia informan sobre as súas ensinanzas profesionais agardando espertar a curiosidade dos estudantes, ademais de amosar a utilidade no día a día dos estudos que cursan amosando traballos e exemplos de como se materializan os coñecementos en ferramentas de utilidade, produtos, servizos…

A Escola de cantería de Pontevedra, o CIFP A Granxa, o CIFP Manuel Antonio, a Aula D, o CPR EFA A Cancela, o CPR Divino Maestro, o conservatorio Reveriano Soutullo, Mayeusis, a Escola Superior de Deseño Goynar e Cear Text Moda, Google Virtual, o Centro de Artes Plásticas e Deseño Atlántico e Escola Técnica de Xoiería do Atlántico, CEMAR, Air Hostess, EISV, Escola Oficial de Idiomas, IES Pazo da Mercé, IES Pedra da Agua, IES Ricaro Mella e o IES Salvaterra teñen o seu propio stand nesta primeira feira que pretende amosar ao alumnado e a toda a comunidade educativa en xeral as saídas profesionais e a variedade de estudos aos que poden optar.

Nesta primeira feira estase a falar de sistemas microinformáticos e redes, de panadería e tamén de pastelería e confitería, de adminstración e finanzas, de electromecánica de vehículos, de instalacións eléctricas e automáticas, de paisaxismo e medio rural, de vitivinicultura, de música, da importancia dos idiomas, de cantería, de patronaxe e moda, de próteses dentais e de educación infantil, entre outros moitos temas como  electrónica e sanidade, soldadura e calderería, estilismo e indumentaria, de deseño de moda, de patronaxe industrial, de imaxe, de son, deseño gráfico, deseño de interiores, de auxiliar de voo, de tripulante de cabina, xemoloxía, xoiería e animación de actividades físicas e deportivas.

A concelleira de Ensino convida a toda a comunidade educativa a achegarse a esta primeira feira de ensino que representa unha oportunidade única na provincia para coñecer de xeito pormenorizado as materias das ensinanzas profesionais, as saídas laborais, o enfoque didáctico do centro e a aplicación dos coñecementos adquiridos na vida diaria da sociedade.

“En moitas ocasións por descoñecemento ou por non ter claro ao que nos queremos dedicar na nosa futura faceta laboral, o alumnado comeza estudos que logo se frustran e que non cumpren coas súas expectativas. Por iso, nesta primeir feira de ensinanzas profesionais o alumnado pode descubrir incluso o seu futuro laboral e atopar o inicio do seu futuro profesional”, explica Cristina Fernández.

Resolver unha das primeiras preguntas da infancia é outro dos obxectivos desta feira. Que vas ser de maior? Pode atopar a súa resposta nesta feira.