“Catalina Lino Lina” animará aos máis cativos na Biblioteca Pública de Ponteareas

cartel-catalina-lino-linaEste xoves, día 15 de outubro, a Biblioteca Pública de Ponteareas acollerá a actividade de animación “Catalina Lino Lina”, a cargo de Glub Glub Teatro, dentro do programa  “Ler Conta Moito” da Xunta de Galicia, co obxectivo de fomentar a lectura entre os máis pequenos, e enmarcado dentro das actividades que se organizan durante o mes de outubro no Concello de Ponteareas, co gallo de celebrar o Día da Biblioteca.

Esta actividade dará comezo ás 18:00 horas na sala de usos múltiples da Biblioteca Pública Municipal e consistirá nun espectáculo enfocado a transmitirlle ao público de 3 a 12 anos a paixón polos libros. Nesta representación, Catalina Lino Lina, farta de agardar a que alguén abra as páxinas do libro no que habita para poder cobrar vida, decide escapar para vivir as súas propias aventuras.

A través destas actividades, segundo a concelleira de Cultura e Lecer, Normalización Lingüística e Turismo, Hortensia Bautista, o Concello de Ponteareas busca fomentar a lectura e a lingua galega entre os máis pequenos, así como dinamizar a Biblioteca Pública Municipal con actividades atractivas para os nenos e nenas da vila.