O cartel do Corpus porá a proba a creatividade dos e das concursantes

O concello de Ponteareas a través da Concellería de Cultura e Turismo,que dirixe a nacionalista Hortensia Bautista, coa finalidade de involucrar a persoas individuais ou colectivos no deseño do cartel da Festa de Corpus 2018 convoca o concurso de deseño de carteis co obxecto de elexir e adquirir o cartel oficial da Festa do Corpus.

Isabel Núñez Montero foi a gañadora da anterior edición co cartel “Coas súas mans”.

O concurso aberto dende hoxe remata o día 20 de febreiro e nel poderá participar calquera persoa física, individual ou en equipo, maiores de 18 anos, cun máximo dunha obra de creación propia, orixinal e inédita de técnica libre

Todos os carteis deberán estar relacionados coa festividade do Corpus Christi e as Alfombras de Flores que se realizan con motivo desta festividade, e a temática estará relacionada coa xente, materiais, trazados, deseños, etc. relacionados coa festividade e con Ponteareas.

Os traballos entregaranse no rexistro de entrada do Concello de Ponteareas de luns a venres, en horario de 9.00 a 14.00.

O xurado estará integrado pola concelleira de Cultura e Turismo, como secretario con voz e sen voto un traballador de Cultura e catro persoas relacionadas co Deseño, o debuxo e as Belas Artes nomeadas polo Alcalde tendo en conta as suxerencias dos alfombristas

O xurado emitirá o seu fallo no prazo máximo dun mes dende o remate do prazo de presentación de traballos que se fará público na web www.concellodeponteareas.gal e nos medios de comunicación e difusión.

O concurso dotarase dun único premio de seiscentos euros (600,00 €) impostos incluídos.

Entre os temas que se puntuarán están o mellor deseño gráfico, a calidade artística, o impacto visual, a creatividade, a calidade técnica e a orixinalidade, entre outros aspectos.

Para máis información consultar a páxina web do Concello de Ponteareas na pestaña “cultura” ou directamente na ligazón http://ponteareas.gal/xiralda/uploads/2018/01/ANUNCIO-BASES-CONCURSO-CARTEL-CORPUS-2018-.pdf