Campionato de quebracabezas e obradoiro de técnicas circenses, novas propostas do programa Mocidade Viva

Campionato de quebracabezas e obradoiro de técnicas circenses, novas propostas do programa Mocidade Viva

 

O parque da Feira Vella será o escenario destas dúas novas actividades. As e os interesados poden inscribirse xa en mocidadeviva@ponteareas.gal

 

Fin de semana moi activo para a rapazada ponteareá. O programa Mocidade Viva prepara para este venres e sábado dúas novas actividades de balde que teñen por obxectivo “promover o lecer alternativo para os mozos e mozas da vila, ofrecéndolles espazos de encontro e socialización saudábeis”, como salienta o concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó.

 

A primeira cita será o venres 13 de maio ás 20.00 horas no parque da Feira Vella co Campionato de quebracabezas, ao que están convidados a participar todos os rapaces e rapazas con máis de 12 anos. Trátase dunha actividade asociada a xeitos de pasar o tempo e relaxarse, pero que carrexa moitos beneficiosos para a saúde, xa que poden axudar aos mozos e mozas a desenvolver as súas habilidades, a mellorar a memoria e o estado de ánimo ou a previr enfermidades importantes a idades máis avanzadas.

 

O sábado 14 o parque da Feira Vella converterase nun gran circo para que mozos e mozas poidan aprender algunhas técnicas circenses a través de diferentes propostas. A actividade comezará tamén ás 20.00 horas.

 

Ambas as dúas propostas son totalmente de balde. Todas as persoas interesadas en participar poden solicitar máis información ou inscribirse xa enviando un correo electrónico ao enderezo mocidadeviva@ponteareas.gal.