Benestar Social recolle opinións para a redacción do novo regulamento da ludoteca

A Concellería de Benestar Social e Igualdade, que dirixe Verónica Carrera, convida a toda a cidadanía e en especial ás familias e colectivos a achegar as súas suxestións para completar o borrador do regulamento de funcionamento e réxime interior da ludoteca municipal de Ponteareas.

Verónica Carrera quere actualizar este regulamento xa que a actual ordenanza data de 1998 e existe lexislación estatal e autonómica posterior que a derrogou de facto.

Con esta iniciativa preténdese acadar un axeitado funcionamento deste servizo e o cumprimento dos obxectivos específicos dunha ludoteca: potenciar co xogo as aptitudes dos nenos, mellorar as súas actitudes xerais e con respecto ao xogo, ampliar os seus coñecementos, favorecer a socialización, avivar a curiosidade e mellorar as relacións coa contorna a través de actividades e obradoiros dentro e fóra do propio espazo da ludoteca.

Todos e todas as que queiran achegar a súa opinión poden facelo a través do enderezo electrónico participacioncidada@ponteareas.gal ou consultar a convocatoria na pestaña “participación cidadá” da páxina web do concello ou directamente clikando nesta ligazón http://ponteareas.gal/participacion-cidada/