Belén vivinte en Couso

Belén vivinte en CousoO vindeiro 28 de decembro de 2014 vaise representar en Couso, na parroquia de Guláns, do Concello de Ponteareas, un belén vivinte, con esceas propias dun belén e representación de varios oficios tradicionais galegos.

Aproveitando as construcións tradicionais e a distribución deste pobo de Couso (casas de pedra antigas, muíños, muiñeira, cortes…), representaranse nestas en torno a cincuenta esceas diferentes tanto de pasaxes do evanxeo relacionadas co nacemento de Xesús coma de oficios, persoaxes e labores tradicionais tanto da zona coma en recordo daquela época (lavandeiras, carpinteiros, muiñeiros, matachíns, pastores…), nas que participarán entorno a duascentas persoas, facendo de actores por un día, todos eles de distintas idades (nenos, novos e maiores).

Tratarase dunha ruta-percorrido por distintos puntos do pobo, sinalizados con frechas e letreiros indicadores. En cada punto poderase visitar unha escena ou un oficio relacionado con esta representación, ata chegar ao punto final do percorrido que non será outro que o tradicional Portal de Belén.

Ao longo do percorrido poderémonos encontrar con muiñeiros, pescadores, leprosos, leiteiras, escribáns, carpinteiros, ferreiros, alfareiros…especialistas do mel…, ademáis de animáis como cabras, ovellas, cabalos, vacas, galiñas… e como non cos persoaxes principais desta representación, os Reis Magos, San Xosé, María, os pastores…

Entre todos os puntos do percorrido aparecerán distintas tabernas e tamén nun dos puntos centrais do percorrido poderemos gozar dunha Feira Mercado-artesanal e ecolóxica, onde se xuntarán mercadores con produtos artesanais e outros comerciantes da zona. (queixos, verduras, chiculates, embutidos, doces…coiro…)

E por suposto pensando nos máis pequenos non faltará o buzón de correo dos Reis Magos, onde poderán depositar os seus desexos nas súas cartas. (nós teremos un modelo para que os nenos poidan escribila no propio percorrido e senón poden traela xa escrita de casa).

O percorrido é de aproximadamente 2 km, de dificultade baixa , ainda que hai que ter en conta que o longo do mesmo aparecen unhas cantas pendentes un tanto pronunciadas. A ruta é de aproximadamente 2 horas, tendo en conta as pequenas paradas nos distintos puntos do percorrido.

As persoaxes que participan nesta representación farán varias postas en escena ó longo da xornada, máis ou menos cada 2 horas, comezando a primeira ás 12 da mañá, a seguinte ás 14 e a última ás 16 horas.

COLABORADORES

Todas aquelas entidades culturais ou persoas a título individual que queiran participar nesta representación poden poñerse en contacto coa organización nos teléfonos 639 816 667 ou 637 302 078, ou tamén no correo electrónico info@cousodegulans.es. Eiquí tes unha carta explicativa das posibilidades de colaboración.

ENTRADAS

As entradas estarán á venta a través do sitio de venta de entradas Musikaze ou a través de calquera membro da directiva da Asociación Cultural San Martiño de Couso. O prezo será de 3,50 € para as entradas mercadas ata o 21 de decembro e de 4,00 € entre o 22 e o 28 de decembro.