Baobab Teatro porá en escena “Mai, Mai” este venres no auditorio municipal

Baobab Teatro porá en escena “Mai, Mai” este venres no auditorio municipal, dentro do programa “Nós contra a violencia”, promovida Rede de Dinamización Lingüística

Mai Mai, ás 18.30 horas, no auditorio Reveriano Soutullo

O concello de Ponteareas acolle, como concello pertencente á Rede de Dinamización Lingüística, o espectáculo Mai Mai, cos obxectivos de dinamizar a lingua galega e sensibilizar contra a violencia de xénero. A Concellería de Lingua, que dirixe Fernando Groba, convida a desfrutar da historia de Clara, unha muller forte, emprendedora que comeza unha viaxe para atopar o último panda do planeta.

Mai Mai é o último oso panda do planeta e veremos a súa loita por sobrevivir, a falta de comida e os problemas ocasionados polo quentamento global fan que precise a axuda da protagonista para manter a especie. É unha historia tenra e moi divertida onde se mestura o amor, o éxito, a violencia de xénero e a concienciación medioambiental como temas transversais.

Está dirixida a un público familiar a partir de 5 anos e a entrada é libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala.

Esta actividade desenvólvese no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e nela colaboran, alén do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais a Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, dentro do programa de actividades, “Nós contra a violencia”, que combina a dinamización lingüística coa sensibilización fronte á violencia de xénero.