Balance positivo da campaña contra a Vespa Velutina

A Concellería de Medio Ambiente que dirixe o Alcalde, Xosé Represas, e a Concellería de Medio Rural, que dirixe Manolo Troncoso avalían nestes días a colocación das 650 trampas para vespas velutinas entregadas aos veciños e veciñas que colaboraron co concello no control desta especie que perxudica ás especies autóctonas e supón unha praga para o medio natural.

Esta iniciativa do concello de Ponteareas fixo posible que a dia de hoxe se teñan atrapado máis de 22.000 vespas velutinas. Con esta acción de capturas de raíña de Velutina na primavera evítanse a construción dos grandes niños secundarios que cada un deles pode acadar as vinte mil obreiras de velutina.

Estes datos alarmantes confirman a propagación da praga, “ante a pasividade da Xunta que é a administración responsable do control de pragas, o goberno de Ponteareas puxemos en marcha esta actuación. Pola súa cobertura en todo o concello, pola implicación veciñal e o esforzo dos voluntarios e apicultores é unha iniciativa pioneira a nivel comarcal”,  afirma o Alcalde. 

O concello repartíu as trampas e máis de 460 litros de atraínte totalmente de balde, ademais de ofrecer vintecinco charlas informativas polas distintas parroquias e no centro urbano para chegar ao máximo de veciñanza posible e traballar de xeito conxunto facendo da participación, unha vez máis, un xeito efectivo de traballo.

Dado que o obxectivo é paliar os danos esta acción experimental permitirá despois do verán avaliar cos voluntarios os resultados acadados na redución de niños secundarios. Esta iniciativa arróxanos datos fidedignos que nos permitirán seguir avanzando da man dos voluntarios para sucesivas campañas e estudar a incidencia naqueles lugares nos que houbo maiores capturas.

Veciños como Indalecio Garrido, do barrio da Lomba e socido de AGA (Asociación Galega de Apicultores), colaboraron na colocación de trampas que no seu caso permitíulle atrapar 738 vespas velutinas, o ano pasado tiña 34 colmeas e co ataque da velutina perdeu 30 quedándolle so 4 colmeas. (pe de foto)