Aventuras, gastronomía e augas termais no sorteo dos IV Bocados de Outono

A concelleria de Comercio, Hostalería e Consumo que dirixe Inés Vidal entregou os premios da cuarta edición do roteiro gastronómico Bocados de Outono.

Logo de realizar un sorteo público ao que asitiron algúns dos hostaleiros do roteiro sendo os encargados de exercer de man inocente, a concellería procedeu onte á entrega dos tres grandes premios finais. 

Unha vez máis en presenza dalgúns dos doce hostaleiros participantes, Inés Vidal entregou o primeiro premio a Fernanda Tellado que desfrutará de catro entradas para o ecoparque multiaventuras de Marín.

O segundo premio de Bocados de Outono foi para Sonia Miguélez que resultou agasallada con dúas entradas e cea para dúas persoas no Palacio de Auga de Mondariz.

O menú degustación para dúas persoas no restaurante A Xanela Gastronómica foi para a terceira premiada, Almudena Iglesias. 

Inés Vidal agradece tanto á clientela como aos locais participantes a súa implicación nesta divertida ruta gastronómica que permitíu degustar produtos de outono e descubrir algúns dos pratos máis saborosos que a hostalería ponteareá ten para ofrecer.

Promocionar a hostalería de Ponteareas e dinamizar a oferta lúdica son os obxectivos deste roteiro gastronómico que este ano entregou ademais vinte vales de 20€ para consumir nos locais participantes.

No peche desta edición, a hostalería participante e a concellería estudan xa novidades e sorpresas para a vindeira edición ao resultar estas tres fins de semana de Bocados de Outono un novo éxito con récords de clientela.