Audiovisual galego na tarde do sábado 23 de abril no Auditorio

A partir das 20:30 horas terá lugar a proxección das curtametraxes Castelos de fame e Flores para Amalia, ámbalas dúas enmarcadas na programación cultural deseñada pola concellería que xestiona Hortensia Baustista

 

cartel_proxección_curtasO Auditorio Reveriano Soutullo acollerá, a partir das 20:30 horas do sábado, 23 de abril, a proxección de dúas curtas realizadas por dous directores galegos: Castelos de Fame e Flores para Amalia.

 

A primeira é “unha homenaxe á miña familia”, tal e como explica Adrián González, un rapaz moi novo que no verán do pasado ano 2015 estreaba unha curta ambientada na Galicia dos anos 50, máis concretamente no Río Miño, en pleno auxe das actividades de contrabando que procuraban, entre outras cousas, paliar as carencias provocadas pola posguerra. “Varios membros da miña familia se dedicaron ao estraperlo en diferentes estapas, polo que este traballo é un tributo a todos eles”, explica un Adrián que contou coa colaboración de varios amigos na gravación e posproducción dunha obra baseada na experiencia dun Garda Civil recén cegado de Madrid á Galicia do contrabando e os problemas deste para interpretar esa nova realidade. Adrián xa está traballando noutra curtametraxe titulada “Mans mortas”, que se financiará a través dun crowdfunding.

 

A segunda é unha historia de amor na que “se pon o foco en situacións que non sempre teñen un papel protagonista nos diferentes medios de difusión; pequenos xestos e pequenos detalles que moitas veces pasan desapercibidos e que neste caso constrúen unha verdadeira relación de amor”, asegura Nani Matos, autor dunha obra que estivo nominada aos Premios Mestre Mateo en 2014 e que xa recibiu varios recoñecementos en diversos festivais, como por exemplo o Premio Xulgado dos Veciños do Festival de Cans.

 

Flores para Amalia centra o seu argumento na vida dun matrimonio que vive nunha residencia de maiores. Amalia, a muller da parella, sofre unha doenza que motivará que o seu marido, Alfonso, tome unha decisión.

 

Unha curta que xa ten 3 anos de historia, pois foi estreada en 2013, e que “aínda goza de moita vida grazas á excelente acollida do público”, tal e como recoñece Nani Matos.