As Xornadas Escolares de Bádminton contarán coa participación de case 800 nenos e nenas

Organizadas polo Club Bádminton Ponteareas, terán lugar no Pavillón Álvaro Pino dende o 27 de xaneiro até o 2 de marzo

xornadas-escolares-badmintonA terceira edición das Xornadas Escolares de Bádminton comezará o vindeiro mércores, 27 de xaneiro, e reunirá a case 800 nenos e nenas de entre 8 e 16 anos de 12 centros de ensino dos concellos de Ponteareas, Covelo, Mondariz e Salvaterra de Miño.

Un total de 14 xornadas de competición repartidas semanalmente entre os luns, mércores e venres. O pavillón Álvaro Pino é o lugar escollido para acoller todos os encontros, os cales se producirán en horario lectivo até o vindeiro 2 de marzo. Trátase dunha iniciativa promovida polo Club Bádminton Ponteareas, que serve “para dar a coñecer o bádminton a todos estes rapaces e rapazas e, asemade, como ferramenta de busca de talento para nós”, tal como afirma o presidente do propio club, Víctor Lemos.

A concellería de Deportes xestionada por Benito Márquez colabora nunhas xornadas que permitirán “escoller aos 20 xogadores e xogadoras que representarán á comarca do Condado no campionato provincial deste ano”, sinalou o edil de Deportes, que tamén aproveitou para “animar a todos eles a participar e practicar un deporte que no concello de Ponteareas e na comarca do Condado ten cada vez máis presenza grazas o labor de entidades como o Club Bádminton Ponteareas”.

A organización deste evento tamén conta coa colaboración da Asociación Deportiva Escolar do Condado e A Paradanta (ADECONPAR).