As “Vendedoras da Carreira” do mercado e os “Serradoiros de madeiras”, Premios “Concello de Ponteareas 2014”

casa consistorialO xurado dos Premios “Concello de Ponteareas 2014”, composto por diversos colectivos e asociacións, acordou conceder estes premios no eido comercial ás “Vendedoras da Carreira” do mercado de Ponteareas e no eido empresarial aos “Serradoiros de madeira de Ponteareas”.

No eido Empresarial, o galardón recaeu nos “Serradoiros de madeira de Ponteareas”, recoñecendo a súa contribución ao desenvolvemento industrial e económico de Ponteareas, poñendo en valor o monte, como medio para xerar riqueza en Ponteareas e con arraigo histórico en Galicia.

O Premio, no eido Comercial, tivo o seu recoñecemento no colectivo “ Vendedoras da Carreira” do mercado de Ponteareas, polo labor comercial desenvolvido ao longo de varias xeracións, a través da venda de produtos agrícolas da horta tradicional da Vila do Tea.

Os Premios “Concello de Ponteareas 2014” entregaranse o vindeiro sábado, día 2 de maio, no Auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas, ás 21:00 horas. A gala de entrega dos Premios “Concello de Ponteareas” contará coa actuación do cantautor local Carlos Sampedro, quen será o encargado de pór a nota musical a esta velada.

Estes Premios “Concello de Ponteareas” teñen por obxecto exaltar e galardoar a traxectoria de persoas e colectivos que se distinguisen en calquera actividade humana, comportamento exemplar e virtudes cívicas, así como pola trascendencia e importancia das súas contribucións á sociedade. Estes galardóns concédense en cinco apartados distintos, como son o eido Empresarial, Comercial, Deportivo, Social e Cultural.