As veciñas de Pías xa teñen o seu diploma de “Artesanía en coiro”

A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera, a segunda tenente de alcalde Chus Garrote e a deputada provincial Victoria Alonso, entregaron os diplomas do curso “Artesanía en Coiro” impartido no teleclub A Lengua no marco do programa Conectadas da Deputación Provincial e organizado pola asociación de veciños de Pías.

O programa “Conectadas” ten por finalidade mellorar a formación básica das mulleres na comunidade para favorecer as relacións interpersoais e o intercambio de experiencias, contribuir a mellorar a súa empregabilidade e o seu mantemento no mercado de traballo e reducir a brecha dixital mediante a utilización da información e as novas tecnoloxías.

Neste programa poderán participar todas as asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres, que apoien o seu desenvolvemento e empoderamento, ao igual que o seu tecido asociativo, e a paulatina consecución do obxectivo da igualdade entre mulleres e homes.