As traídas veciñais de augas xa poden solicitar as axudas do Concello para obras ata o 29 de novembro

Tal e como xa adiantara o Alcalde Xosé Represas na reunión mantida o pasado 18 de outubro, as comunidades de augas dispoñen, por vez primeira, dunha partida orzamentaria de 150.000€ reservada nos orzamentos de 2018.

Cincuenta e cinco comunidades de usuarios de auga de Ponteareas, poden xa presentar as solicitudes para acollerse a orde de subvencións convocada polo Concello. Con esta partida económica as comunidades das traídas poderán facerlle fronte a gastos de materiais, equipamentos e man de obra para realizar melloras dos sistemas de captación de auga, sistemas de almacenamento e potabilización (depósitos e o seu entorno, filtración, decantación, filtración), e sistemas de distribución (extensión ou mellora nas redes de distribución), entre outras actuacións, tal como figuran nas bases.

A convocatoria saíu publicada no BOP (Boletín Oficial da Provincia) este mércores 14 de novembro e o prazo de entrega de documentación rematará  o día 29. Posteriormente a comisión técnica avaliará os proxectos para asignar os 150.000 euros por concurrencia competitiva, financiando o Concello o 80% do importe das obras.

As bases priman as obras prioritarias de mellora das captacións e subministro de auga co obxectivo de garantir este servizo básico para para todos os fogares. Esta liña de axudas tamén ten como finalidade subvencionar as obras prioritarias nas comunidades veciñais que sufriron en maior medida as consecuncias da seca no verán e outono de 2017.

Represas reafirma con esta partida o seu compromiso por resolver os problemas históricos de abastecemento de auga. “Dende a nosa entrada fixei entre os obxectivos prioritarios a mellora neste servizo básico”.

Para que non se produzan situacións como as do verán de 2017 no que algúns fogares quedaron sen agua, e para evitar a posible indefensión ante os incendios, o goberno da un paso máis na mellora de vida no rural no que vive case a metade a poboación total do Concello.