As rúas do centro urbano e as 24 parroquias de Ponteareas xa locen a súa iluminación de Nadal

As rúas do centro urbano e as 24 parroquias de Ponteareas xa locen a súa iluminación de Nadal co apoio da Deputación de Pontevedra. Un cento de arcos e outros tantos elementos de iluminación empregados na montaxe adobían as rúas de Ponteareas co obxectivo de animar ás veciñanza e “potenciar e contribuír á actividade económica en Ponteareas, nunha campaña comercial de Nadal que será a máis atípica dos últimos anos”, explica a concelleira de Promoción Económica Eva Gil quen adiantou que  “no momento en que a situación sanitaria o permita, as actividades paralelas para a dinamización comercial realizaranse con animacións itinerantes de rúa a cargo de agrupacións locais, evitando aglomeracións e creando un ambiente agradable durante as semanas previas ao Nadal para animar á poboación a realizar as súas compras na nosa vila”.

Cada noite (no caso das parroquias nas fins de semana) diodos led dan cor a este nadal no que o máis importante é colaborar todos e todas no cumprimento das medidas de seguridade sanitaria para xuntos e xuntas recuperar o antes posible a normalidade.

O Concello centra os seus esforzos en apoiar a todos os sectores afectados pola crise sanitaria. Deste xeito, ás medidas de apoio ao comercio e hostalaría como un dos sectores con máis peso económico da localidade, súmase ao apoio económico a persoas autónomas e empresas, clubs deportivos ou entidades culturais, veciñais e sociais, así como axudas de emerxencia social.”

Sumamos máis dun millón de euros en diversas axudas durante este ano. A instalación da iluminación de Nadal representa menos do 5% do investimento total, e repercutirá positivamente na dinamización da actividade comercial”, indican dende o goberno.