As rúas de Ponteareas serán o escenario do II Festival Internacional de Teatro de Rúa

A concellería de Cultura e Lingua, que dirixe Fernando Groba, convida a toda a cidadanía a desfrutar da segunda edición do Festival Internacional de Teatro de Rúa que comeza hoxe ás 19 horas.

O pistoletazo de saída será nos xardíns da Xiralda co espectáculo “Dragonología” dos portugueses Projeto EZ que partirán co seu mundo máxico ata a praza Bugallal para rematar no parque da Perillana.

Projeto EZ convida a toda a cidadanía a vir disfrazados de dragón ou de calquera personaxe de conta.

Dende o ano 2012 Projeto EZ entretén e esperta a imaxinacion ofrecendo ao público grandes doses de loucura e enxeño. Construir ideas imposibles é o obxectivo desta compañía de estilo artesá que constrúe da vida a máquinas únicas que convidan a interactuar. Animación teatral itinerante ao 100%.

Ás 19:30 horas no parque da Perillana estarán quecendo motores Pistacatro que presenta o seu espectáculo circense “Trasno”.

Pistacatro Productora de Soños S.L. é a compañía e produtora de Circo máis relevante de Galicia e ten deixado a súa pegada en países como Gran Bretaña ou Holanda, entre outros moitos países do estranxeiro.

Destes construtores de soños pasamos de novo aos portugueses Projeto EZ que actúan ás 20:30 horas no parque da Perillana para chegar ata a rúa Esperanza e rematar na praza Maior.

Fernando Groba anima a toda a veciñanza a participar disfrazado e formar parte así do universo teatral e circense.

Mañá volverá o festival ás rúas de Ponteareas a partir das sete da tarde no Paseo Matutino e das sete e media na praza Bugallal.