As panaderías difunden a figura de Antón Fraguas con motivo do Día das Letras Galegas

      

Por iniciativa da concellería de Cultura e Normalización Lingüística que dirixe Hortensia Bautista as panaderías locais difundirán a vida e obra de Antón Fraguas nas 8.000 bolsas de papel que, nestes días, portarán o pan dos e das ponteareás.

Un ano máis, o Día das Letras Galegas chega a todos os recunchos tanto do centro urbano como das parroquias con iniciativas culturais, comerciais e de lecer.

Hoxe xoves 16 ás 18 horas as rúas do casco urbano serán invadidas por Cé Orquestra Pantasma e polos xogos populares. Ás 19 horas o grupo tradicional da casa cultural de Areas, “Ven bailar con…”, tomará o relevo de Cé Orquestra Pantasma e porá ritmo ás rúas. Ás 20 horas no salón de plenos comezará a charla sobre o homenaxeado deste ano, Antón Fraguas, a cargo de Xosé A. Neira Cruz. Ás 21 horas no parque da Feira Vella concerto de Volta e Dálle ás 21 horas e de Nao ás 22:30 horas.

O venres 17 de maio a partir das 11 horas na Praza Maior poderán desfrutar da exposición de maios coa colaboración das asociacións de San Mateo. Ás 12 horas tamén na praza Maior actuará o grupo tradicional Algazara de Celeiros mentres a esa mesma hora e dentro do circuito cultural, a casa cultural de Celeiros acollerá a actuación do grupo de gaitas Os Muíños de Oliveira. Xa pola tarde ás 18 horas na Praza Maior Circo Chosco porá en escena “Riscando o ceo”. Ás 18 horas no centro cultural de Xinzo os nenos da parroquia falarán sobre a vida e obra de Antón Fraguas, actuará o grupo de baile do centro cultural, haberá teatro do alumnado do IES Val da Louriña do Porriño dirixido por Delio García Represas e o dúo Aldaolado co espectáculo “Cría fama e bótate a correr” pechará os actos en Xinzo.“ Tamén ás 19 horas dentro do programa Cultura 24 na casa cultural de Prado actuará o monologuista Avelino González. Ás 20 horas na Praza Maior concerto da banda de música Reveriano Soutullo e na casa cultural de Arcos ás 20:30 horas haberá teatro co grupo de teatro Pena do Equilibrio coa obra “Simplemente persoas”.

O domingo 19 de maio ás 19:00 horas dentro da programación de Cultura 24 na casa cultural de Areas teremos “Contos e historias” con Celso Fernández Sanmartín e ás 20:30 horas dentro de Cultura 24 no centro Antorcha de Cristiñade actuará Voces do Arrieiro.

Ademais destes actos, a concellería tamén puxo a disposición das parroquias a exposición dos cartaces que recollen a vida e obra de Antón Fraguas, acollendo esta exposición un total de nove centros e casas culturais.

Dende a concellería de Cultura tamén están a entregar nas parroquias un lote de libros editados polo concello sobre autores e artistas ponteareáns (Pexegueiro, Silverio Rivas, Isabel Blanco, Susana Lamela, Os Bolechas no Corpus, Libro das Herbas de San Xoán…)

Felicito e agradezo a todas as asociacións culturais e veciñais que se involucraron en poñer en valor a nosa cultura e os nosos escritores”.

Hortensia Bautista convida a toda a cidadanía a participar nos actos deseñados para toda a familia e que contemplan todo tipo de xéneros, música, teatro, monólogos, contos, maios… entre outras moitas actividades que se desenvolverán tanto no centro urbano como nas parroquias.