A semana pasada o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, xunto co alcalde de Ponteareas, Salvador González Solla, acompañados de varios membros do grupo de goberno local visitaron as obras de remodelación dos Xardíns da Xiralda, que rodean a Casa do Concello ponteareán, e que suporán un investimento superior aos 270.000 euros.
As obras de remodelación dos Xardíns da Xiralda, que rodean a Casa do Concello ponteareán, seguen a bo ritmo levándose xa a cabo os traballos consistentes na retirada de terra da cobertura existente, para a súa posterior nivelación e aplicación de capa de terra vexetal, estando a punto de rematar xa o adoquinado do paseo. Procederase tamén á plantación de novo céspede e axardinamento coa dotación dun sistema de rego automático. Ademais, levarase a cabo a dotación de novo pavimento de pedra granítica no perímetro do edificio da Casa do Concello, a renovación integral dos dous parques infantís, con novos elementos e valados e a colocación dun pavimento de caucho para garantir a seguridade da zona infantil. O mobiliario do parque será tamén obxecto de substitución integral xunto coa retirada do sistema antigo de iluminación pública que será substituído por un novo de tecnoloxía Led, con novas luminarias, que permitirá un importante aforro enerxético e medioambiental.
O edificio da Casa do Concello será tamén obxecto desta acción remodeladora, acometéndose a limpeza da fachada do edificio, a retirada de cableado antigo e colocación de novas luminarias Led.
A importancia das árbores centenarias que se conservan no xardín serán tamén obxecto de sinalización con paneis indicativos e informativos sobre as especies coas que conta este emblemático xardín ponteareán.