As ‘Naturezas Doentes’ de Manuel Pizcueta poñen o broche de ouro á programación do Mes do Libro en Ponteareas

 

Alfonso Pexegueiro e Xabier Alcalde presentarán a obra este venres 6 de maio ás 20.00 h na sala multiúsos do auditorio municipal

 

As ‘Naturezas Doentes’ de Manuel Pizcueta poñen o broche de ouro á programación do Mes do Libro en PonteareasPonteareas pecha esta semana o ciclo de presentacións para conmemorar o mes do libro con Manuel Pizcueta e a súa obra ‘Naturezas Doentes’. O poeta ponteareá Alfonso Pexegueiro e o escritor cangués Xabier Alcalde presentarán a obra gráfica deste artista  este venres 6 de maio a partir das 20.00 horas na sala multiúsos do auditorio municipal nun acto con entrada libre ata completar aforo.

 

O público poderá coñecer os pormenores dun libro concibido como unha experiencia que pretende indagar na posibilidade dunha conxunción de linguaxes que, a pesar de pertencer a ámbitos diferentes, poidan xerar espazos de sentido compartidos. Coa obra, Manuel Pizcueta pon en escena, sobre a luz turbia dos sonos, a disolución dos perfís do real como experiencia que extrae da vertixinosa degradación do orgánico e da delirante proliferación do fragmentado, unha fusión cromática que evoca un mundo en descomposición, anegado pola liquidez putrefacta dunha contemporaneidade asolada.

 

Nesta proposta paisaxística que envolve o existencial e o mundano cohabitan inquietantes reflexións do propio Alfonso Pexegueiro, a sutil mirada poética de Xosé María Álvarez Cáccamo e o propósito entre filosófico e literario de Xabier Alcalde.

 

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, convida a toda a veciñanza a participar na última actividade da iniciativa ‘Abril, mes dos libros’, un ciclo de presentacións de obras de escritores e escritoras da comarca ou vinculadas á vila con Ponteareas co que o Concello conmemorou o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor. O obxectivo era poñer en valor a época de pleno esplendor de creación literaria que se vive en Ponteareas e Galicia, “coa aparición de novas autoras e autores cun gran potencial e moita ilusión que debemos dar a coñecer a toda a veciñanza”.