As motos conquistan o concello no II Terras Meigas Rider Roadbook

150 motoristas percorrerán a comarca para descubrir o valor paisaxístico e histórico

Cen motos e 150 participantes pecharon a inscrición do Terras Meigas Rider Roadbook 2019, un evento que arrancará por segundo ano consecutivo dende diante da Casa do Concello de Ponteareas para percorrer guiándose cun roadbook ou libro de ruta as comarcas do Condado e da Paradanta e grande parte da provincia de Pontevedra chegando a concellos ourensanos como o de Melón.

Este ano a proba presenta unha novidade e convértese en internacional adentrándose nas localidades portuguesas na fronteira.

Os e as motoristas terán a ocasión única de descubrir puntos de grande interese paisaxístico e tamén poderán admirar boa parte do noso patrimonio histórico. Ademais de degustar produtos locais tradicionais como as rosquillas de Ponteareas ou o requeixo das Neves.

Chegadas de distintos puntos da xeografía española e portuguesa tomarán esta fin de semana o noso concello grazas á iniciativa do ponteareán José Manuel Peixoto que, co apoio de voluntarios e colaboradores, deseñou unha ruta de asfalto e outra de modalidade trail para que, independentemente do tipo de moto, todos e todas as afeccionadas puideran participar.

A ruta de asfalto percorrerá na xornada do sábado 330 km e na do domingo 121km, mentres que a trail fará 276 km na mañá e tarde do sábado e 111km na mañá do domingo. As dúas alternativas partirán o sábado ás 10:00 horas de diante do concello e rematarán no Paseo Matutino na cafetería Balú para cear no Centro Artístico Sportivo e desfrutar coa actuación de Manquiña no Jota.

O domingo as motos arrancarán as nove da mañá dende o Paseo Matutino para percorrer a fondo algunhas parroquias do noso concello e algúns concellos veciños da nosa comarca e de Portugal. A xornada remata ao mediodía no centro de interpretación co río Tea (CITEA) no que reporán enerxías e desfrutarán da música de Voces do Arrieiro. Pero esta non é a única actuación musical xa que tamén actuará Gabriel Cracium e a música de Loop discomovil en diferentes puntos da ruta.

O concello porá a disposición dos participantes o pavillón do instituto Val do Tea para pernoctar na noite do sábado para o domingo.

A tenente de alcalde e concelleira de Eventos, Cristina Fernández, agradece o esforzo da organización e salienta a importancia deste tipo de eventos que atraen visitantes e contribúen na dinamización da economía local.