Serán cinco días cunha completa programación co núcleo urbano de Ponteareas como escenario
Ponteareas prepárase para celebrar as tradicionais Festas de San Miguel cunha morea de actividades para todas as idades e todos os gustos durante os vindeiros cinco días. As primeiras citas serán este mesmo mércores 28 de setembro, no que a veciñanza poderá gozar do desfile de xigantes e cabezudos a partir das 19.00 horas, para logo moverse ao ritmo da Orquestra Os Satélites, que tocarán ás 22.00 horas.
O xoves 29, día festivo na vila, a animación comezará ás 11.00 h nos Xardíns da Xiralda co concerto da Banda de Música Xuvenil de Xinzo. Tras esta actuación chega un dos pratos fortes das festas, o tradicional lanzamento de globos de San Miguel, que dende as 13.30 horas encherán de cor o ceo de Ponteareas tras ser tirados dende a Praza de Bugallal. O concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, salienta e agradece “o intenso traballo que cada ano realizan todas as persoas implicadas na confección destes delicados globos de papel cheos de simbolismo e lanzados cada ano coa colaboración do veciño Enrique González”.
Xa pola tarde volven as visitas teatralizadas ao Castro de Troña, para as que hai que facer inscrición previa na biblioteca municipal. Pola noite a animación tomará de novo a Praza de Bugallal coa actuación do Circo do Fogo (21.00 h) e a Praza Maior coa da Orquestra Combo Dominicano (22.00 h).
O venres 30 a programación arrancará ás 18.30 horas cunha actividade pensada e adaptada aos gustos da mocidade, un obradoiro de parkour park na Praza de Bugallal. A música será de novo a protagonista pola noite, coa actuación de Dakidarría ás 21.00 h no Parque da Feira Vella e a actuación da Orquestra Charleston Big Band na Praza Maior ás 22.00 horas.
A fin de semana será a quenda de animación polas rúas o sábado 1 a partir das 18.00 horas, ao que seguirán as actuacións do Alalá da Unión, da Banda de Música Unión de Guláns, ás 19.00 horas no Parque da Feira Vella, a da Orquestra Garibaldi na Praza de Bugallal ás 21.00 h e a Orquestra Los Players ás 22.30 h na Praza Maior. O domingo 2 a programación rematará na sala multiúsos do auditorio municipal con Uxía Lambona e a Banda Molona, organizada ao abeiro de Agadic e cun prezo de 3 euros, ás 18.00 horas e coa actuación de Monoulious DOP no Parque da Feira Vella ás 21.00 h.
Miguel Bouzó convida a toda a veciñanza a participar “no amplo programa de actividades preparadas para desfrutar da nosa tradicional Festa de San Miguel, que conta con espectáculos de gran calidade, de balde e pensados para todos os públicos”.