As escolas deportivas de verán regresan a Ponteareas

As escolas deportivas de verán regresan a PonteareasAs familias interesadas poderán realizar a inscrición no Rexistro de entrada do Concello ata o vindeiro 19 de xullo. Por primeira vez inclúese fútbol gaélico e petanca

 

As escolas deportivas regresan este verán a Ponteareas cunha morea de propostas para que cativos e cativas a partir de 6 anos gocen dunhas vacacións estivais saudábeis e activas. A Concellaría de Deportes, que dirixe Miguel Bouzó, acaba de abrir o prazo de inscrición para participar nestas actividades dirixidas a infancia e mocidade que serán totalmente de balde e que contarán con prazas limitadas. As familias interesadas teñen ata o vindeiro 19 de xullo para realizar a solicitude no Rexistro de entrada do Concello.

 

Tras a imposibilidade de abrir o pasado verán a causa da situación sanitaria, as escolas deportivas volven á vila con novidades entre as propostas que se ofertan. Así, por primeira vez os nenos, nenas e mocidade poderán practicar dentro das escolas fútbol gaélico, que se desenvolverá os martes ás 11.00 horas co Condado Fútbol Gaélico. Tamén se estrea a petanca, con clases os mércores  venres do 21 ao 30 de xullo a partir das 09.30 horas grazas ao Club Petanca El Parque.

 

As rapazas e rapaces tamén poderán practicar baloncesto os luns ás 17 horas co Club Baloncesto Condado e hóckey os venres ás 18.30 horas co Hóckey Club Ponteareas. Ademais, poderán inscribirse en patinaxe artística co Club Luar e co Club Tea martes ás 17.00 horas e xoves ás 19.00 horas; en fútbol sala, onde adestrarán os xoves ás 10.30 horas co Fútbol en 40×20; en tenis, que poderán practicar os xoves ás 12.00 horas co Club Tenis Ponteareas; ou billar, que será os mércores ás 18.00 horas co Club Billar Sportivo.

 

O concelleiro de Deportes anima a todos os nenos, nenas e mocidade a participar nas escolas deportivas de verán, coas que se pretenden “fomentar hábitos de vida saudábeis e promocionar o deporte para todas as persoas como medio de ocupación do tempo de lecer e medio educativo”.

 

Descarga aquí a ficha de inscrición.