As ANPAS toman as rendas no coidado dos hortos escolares

dav

Comezada a tempada estival as nais e pais dos colexios Ramiro Sabell e Fermín Bouza Brey collen o relevo no coidado do horto escolar que xa comezou a dar os seus primeiros froitos grazas á iniciativa da Concellería de Ensino que dirixe Cristina Fernández que en colaboración coa empresa Ecocelta puxeron en marcha este proxecto. 

sdr

Dende a orixe ata o froito, o alumnado destes dous centros aprendeu a cultivar un horto tanto na teoría como na práctica, un proxecto piloto que por primeira vez se realizou co esforzo conxunto da ANPA, da directiva, do alumnado, do profesorado e dos profesionais de Ecocelta.

Toda a comunidade educativa asesorada polos expertos de Ecocelta, Bárbara Álvarez e Sergio Quiroga, fixeron posible que os cultivos xerminen, que medren, que dean froitos e que non sequen na tempada estival.

Nestes días, é o turno das ANPAs que regarán e recolectarán os froitos axudados tamén polo persoal de mantemento dos centros. 

O proxecto contemplou todo o proceso dende a planificación do horto sobre o terreo, á elección dos cultivos segundo o solo e a orientación ata o proceso de xerminado, preparación de sementes, abono, transplantes e o mantemento diario.

Esta iniciativa conseguíu ademais dar leccións prácticas de bioloxía e ciencias fomentando tamén a autonomía dos escolares.

Ademais de vexetais e hortalizas tamén se plantaron árbores froiteiras e estudaron a posibilidade da existencia de organismos e plantas benéficas que contribúen ao bo desenvolvemento dos cultivos. 

Preparados ecolóxicos a base de macela e ortiga ou cebola foron os perfectos aliados para combater posibles pragas. 

Todo nestes hortos ten un principio e un fin, un porque e unha orixe na que ningún elemento perxudica o medio ambiente.

Chegada a tempada estival as nais e pais toman as rendas no mantemento destes hortos nos que colaborarán dando exemplo do traballo en equipo.

Para a Concelleira de Ensino o proxecto dos hortos escolares é unha actividade transversal na que se fomentarán ademais de coñecementos, tamén valores como a convivencia, a cooperacición, a participación, a toma de decisión conxuntas, o respecto e o traballo en equipo entre outros.

Se este proxecto piloto funciona a Concellería de Ensino no vindeiro curso escolar estudará a posibilidade de implantación destes hortos en todos os centros escolares e que teñan unha continuidade e se xestionen de xeito independente.