As análises da Confederación Hidrográfica descartan a contaminación da auga na Freixa

Os últimos resultados revelaron unha boa calidade nas augas de baño 

Tras as manchas aparecidas nos últimos días na superficie da auga da Praia Fluvial da Freixa, o Concello de Ponteareas iniciou unha investigación xunto ao Seprona e axentes medioambientais da Confederación Hidrográfica, que tomaron mostras da auga para proceder á súa análise.

O persoal técnico non detectou ningunha vertedura de augas residuais na súa inspección. Realizadas as análises de clorofila-a en laboratorio, os resultados obtidos “descartan a proliferación de cianobacterias, xa que se detectou unha presenza insignificante e maioritariamente procedente de algas verdes”. Segundo estes datos, a propia Confederación descarta que se trate de eutrofización da masa de auga.

Dende o Concello sinalan que, segundo as indicacións técnicas, “a mancha trátase dunha fina película de elementos naturais como po e pole, que se produce con frecuencia cando o río ten un caudal baixo e as temperaturas son elevadas”.

Calidade da auga de baño

En canto a recomendación da Xunta de non bañarse na praia fluvial da Freixa, dende o Concello explican que se trata “da clasificación sanitaria final do ano 2021, consecuencia dun cálculo que realizan cos resultados dos controis de anos anteriores. Isto non implica en ningún caso que exista unha contaminación da auga nesta temporada de baño”, puntualizan.

A Xunta desaconsella o baño temporalmente cando nun control se superan os niveis de 800 en E. Coli e 500 en Enterococos. “Na última analítica desta praia, realizada pola Xunta neste mes de agosto, os resultados foron de 31 e 10, similares a outras praias onde a clasificación sanitaria é excelente, e moi lonxe dos 800 e 500 que supoñen risco para as persoas usuarias”, aclaran dende o executivo local.*

Por este motivo, dende o Concello sinalan que “non debemos alarmar á veciñanza difundindo información sen fundamentos nin falsidades interesadas, senón que á vista das analíticas debemos transmitir tranquilidade á veciñanza e animala a gozar do espazo natural que nos brinda o río Tea.”

*Datos dispoñíbeis na web do Sergas: https://www.sergas.es/Saude-publica/Tempada-ba%c3%b1o-Datos-controis

Resultados análise de clorofila-a:

Clorofila-a total = 8,01 µg/L

Clorofila-a procedente de algas verdes = 4,65 µg/L

Clorofila-a procedente de cianobacterias = 0,12 µg/L

Clorofila-a procedente de diatomeas = 1,60 µg/L

Clorofila-a procedente de criptofitas = 1,66 µg/L

Clorofila-a procedente de outras especies do fitoplancton = 1,09 µg/L