As alumnas da especialidade de sociosanitaria do obradoiro de emprego coñecen a experiencia laboral das alumnas da pasada edición

As alumnas da especialidade de sociosanitaria do obradoiro de emprego “Coidar de Nós II” recibiron a visita das alumnas da anterior edición do obradoiro que na actualidade xa están incorporadas ao mercado laboral desempeñando as súas funcións en distintas institucións e empresas de atención sociosanitaria da comarca.

A dirección do obradoiro de emprego lembra que a modalidade de sociosanitaria acadou no anterior curso o 100% da inserción laboral, motivo polo que, a día de hoxe, puideron compartir coas alumnas e co profesorado a súa experiencia. “Tamén lle trasladaron que na práctica profesional comproban a boa formación recibida no obradoiro de emprego, sendo o alumnado dos obradoiros promovidos polo concello de Ponteareas un referente de contratación entre as empresas do sector na contorna”, explica a concelleira de Emprego e Formación, Vanesa Fernández.

A concellería lembra que por quinto ano consecutivo Ponteareas conta con obradoiros de emprego que ofrecen formación teórica e práctica durante nove meses a persoas desempregadas. O obradoiro “Coidar de Nos II” beneficia a vinte alumnos/as-traballadores/as das especialidades: atención sociosanitaria de persoas dependentes no domicilio e atención nas propias institucións sociais e a especialidade de forestal.

Este obradoiro enmárcarse nas iniciativas de emprego do actual goberno municipal, que ten como finalidade formar a poboación para acceder a máis ofertas de emprego e xerar oportunidades de traballo”, manifestou a concelleira.

Este obradoiro permitíu tamén a contratación dun director, dun titor, de dous expertos en atención en domicilio e institucións tanto na área sanitaria como social e un experto para a rama de forestal.