As alumnas da especialidade de Atención Sociosanitaria conclúen as súas prácticas formativas

O pasado venres, 30 de abril, remataron satisfactoriamente as prácticas formativas as alumnas da especialidade de Atención Sociosanitaria a persoas dependentes en domicilios e institucións sociais, do Obradoiro de Emprego “Coidar de Nós II” que leva a cabo a concellería de Emprego e Formación de Ponteareas que dirixe a socialista Vanesa Fernández.

Este obradoiro, que se desenvolve conxuntamente entre o Concello de Ponteareas e o Concello de As Neves, vén de rematar as prácticas formativas no Complexo Residencial de Atención a Persoas Dependentes de Vigo, en horario de 8:00 a 14:00 horas. Tal e como expón a concelleira Vanesa Fernández “as alumnas tiveron ocasión de poñer en práctica as unidades de competencia do certificado de profesionalidade tales como: preparar e apoiar as intervencións de atención ás persoas e o seu entorno no ámbito institucional, desenvolver intervencións de atención física dirixidas a persoas dependentes, desenvolver intervencións de atención socio sanitaria dirixidas a persoas dependentes e desenvolver intervencións de atención psicosocial dirixidas a persoas dependentes”.

Dende a concellería de Formación e Emprego destacan a importancia de apostar por estes obradoiros que teñen un índice de incorporación ao mercado laboral de máis dun 90 por cento, e que na súa maioría “permiten ao sector feminino, que é o máis interesado neste obradoiro concreto, unha posibilidade real de inserción no mundo laboral e polo tanto axudan na empregabilidade das mulleres que tan necesaria é para a economía familiar e o desenvolvemento persoal”, afirma Vanesa Fernández, concelleira de Emprego e Formación.