As alfombras de Ponteareas superan o récord de asistencia

dav

O goberno de Ponteareas salienta o éxito desta última edición das festas do Corpus Christi de Ponteareas.

Milleiros de persoas ateigaron as rúas do centro urbano como non se ten lembrado nos últimos quince anos. Toda a noite do sábado para o domingo e durante toda a mañá do domingo achegáronse ata Ponteareas visitantes e turistas de toda Galicia, e de fora de Galicia destacando a grande afluencia de portugueses.

Un grande número de viaxes organizadas en autobús foi atendido polos guías turísticos do punto de información que os acompañaron nun percorrido pola vila ademais de facilitar información nos dous puntos de información turística ubicados na praza Bugallal e no cruceiro de San Gregorio.

“Aínda non podemos dar unha cifra pero podemos asegurar xa que este ano bateouse record de visitantes. As rúas estaban cheas de xente e todo transcorreu con tranquilidade e orde puidendo desfrutar todo o mundo da arte floral que cada ano nos agasallan os nosos alfombristas”, explica o Alcalde.

Tal foi a afluencia de turismo que non so os locais de hostalería de Ponteareas estaban completos se non que o resto dos bares e restaurantes da comarca recibiron a clientela que chegaba dende a nosa vila logo de visitar as alfombras.

O desfile de carrozas da tarde do domingo tamén colgou o cartaz de cheo con veciños de toda a área metropolitana que viñeron gozar do espectáculo ofrecido polas carrozas veciñais e pola novidosa e entreteida animación de rúa.

O concerto de Mitic programado dentro da programación especial para o Corpus, responsabilidade da Concellería de Cultura, gañou a batalla contra a chuvia e fíxose cos aplausos dun público que encheu a praza Maior. 

A orquestra Paris de Noia pechou o programa de festas logo de que no auditorio municipal se entregaran as medallas e se rendera unha sentida homenaxe á comisión do ano 1947/1948.