Artur Lonso Novelhe presenta o seu último traballo no ciclo «Venres D_letras»

O escritor Artur Alonso Novelhe será o protagonista do ciclo «Venres D_letras» que a Concellería de Cultura puxo en marcha o pasado ano, e no que participan escritores e escritoras galegos para presentar na localidade as súas novidades editoriais. Artur Alonso presenta un ensaio narrativo que ten como título «Um longo acordar», nun acto que se desenvolverá a partir das 20:30 horas do venres, día 9, no Salón de Plenos da Casa Consistorial.
O autor, nado en México pero de ascendencia galega, é un poeta destacado dentro do mundo lusófono. Entre os galardóns acadados cabe subliñar o Premio de Poesía Feliciano Rolán, ou a mención especial no Premio Mundial de Poesía Nosside. Ademais de varios libros de poesía achegouse tamén a outros xéneros coa publicación do romance «Adelaida», da obra de teatro «No Meio do Oriente», ou do ensaio narrativo «Um longo acordar». É membro da Academia Galega da Lingua Portuguesa, membro do Consello Consultivo do Movimento Internacional Lusófono, e Presidente do Instituto Galego de Estudos Internacionais e da Paz, ademais dun asiduo colaborador en distintos medios de comunicación con textos de opinión ou creativos.
Artur Alonso estará acompañado por Nemesio Boente e por Manrique Fernández, coordinador do ciclo.
O ciclo «Venres D_letras» estase a desenvolver o segundo venres de cada mes dende o pasado mes de outubro, dándolle cabida tanto a autores consagrados como aos novos valores da nosa literatura. Dende a Concellería de Cultura preténdese desta maneira darlle visibilidade aos autores galegos contemporáneos, así como ofrecer aos ponteareáns unha visión global da actualidade editorial que se está a desenvolver en Galicia.
No mes de xullo contaremos coa presenza de Antón Riveiro Coello, que presentará en Ponteareas a súa últioma novela «A ferida do vento».