O Centro de Información á Muller (CIM) dependente da concelleira de Benestar Social e Igualdade que dirixe Verónica Carrera convida á toda a cidadanía ao faladoiro coa escritora, filósofa e política Carme Adán arredor do seu libro “Feminicidio”. O faladoiro será na sala multiúsos do auditorio municipal ás 18:30 horas con entrada libre ata completar aforo.
“O patriarcado non acouga. Adáptase aos novos tempos Tempos de submisión, seica. Ou non. Tempos en que o silencio xa non pode ser cómplice, senón de toma de conciencia. E o ser humano toma conciencia do que pasa a través das palabras, por iso as verbas son tan importantes, e por iso cómpre atopar as verbas precisas para nomear a realidade e explicala. E por iso é importante falar de feminicidio. Por que non? Porque é un feminicidio o que está acontecendo”,así o relata Carme Adán no libro sobre o que tamén falará en Ponteareas.
Con este faladoiro e coa proxección da pélicula de Fran Arráez “Llueven vacas” arranca a programación específica que a concellería de Igualdade deseñou para facer fronte ás violencias machistas e dar un paso máis na erradicación deste tipo de condutas.
Ao longo de todo o mes e ata o 5 de decembro o concello de Ponteareas acollerá charlas, obradoiros, proxeccións e distintas accións que porán de manifesto a desigualdade que provoca a nosa sociedade patriarcal.
Con esta iniciativa Verónica Carrera pretende achegar á cidadanía nocións que nos axuden a detectar situacións de posible violencia machista, facilitar ferramentas que contribúan a frear este tipo de condutas e concienciar á sociedade en xeral da importancia de vivir en igualdade e de involucrarse non permitindo actitudes machistas.
As distintas accións programadas chegarán a todos os tramos de idade con actividades programadas para a mocidade, para a infancia e para o público en xeral.
Esta programación con motivo do vindeiro día 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, súmase ás iniciativas desenvoltas ao longo do ano para formar e informar á cidadanía.
Ponteareas avanza así na consecución do Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 5 (ODS) vinculado á loita pola igualdade de xénero.