Aquí Galicia en Ponteareas

aquigaliciaUnha ventá aberta ao verán, en continuo directo, coa participación do público, entrevistas curiosas e actuacións musicais de todo tipo. Así é “Aquí Galicia”, o magazine para as tardes dos sábados, no verán de Televisión de Galicia.

Lucía Rodríguez, Ricardo Pardo e Rodrigo Vázquez serán os encargados de guiarnos ao longo de máis de dúas horas e tamén serán os responsables de achegar ao público, que está nas súas casas, todo o verán galego.

Cada sábado estaremos en directo nunha localidade protagonista desta época estival. Nunhas ocasións nos levarán ata alí as súas festas e celebracións e, noutras, serán as súas praias ou ríos, punto de reunión de numerosos veciños e turistas, os que nos convoquen nesa vila ou cidade.

Dende un set instalado na praza central da vila, ou que tamén poderá ser un paseo marítimo ou un parque urbano á beira dun río, os tres presentadores estarán acompañados, en todo momento, polos veciños, visitantes e turistas da vila que tamén participarán de xeito activo no programa.

Escollerase aquela vila ou cidade que, pola súa actualidade, teña máis actividades e máis atractivos que ofrecer nesa xornada de sábado. Así, deste xeito, o programa contará, ao longo das súas dúas horas de emisión, con veciños e asociacións de todo tipo, tales como Comisións de Festas, Asociación de Amigos do Camiño de Santiago, Raíñas das Festas e Damas de Honra, deportistas, expertos locais, cociñeiros, artesáns, etc.

Asemade, tamén serán protagonistas do programa as agrupacións artísticas da área, tales como grupos de baile, grupos de gaitas, pandereteiras, bandas de música, orquestras ou formacións musicais do máis diverso. Todos eles participarán no programa ofrecendo o que mellor saben facer: a súa musica e o seu baile.

AQUÍ GALICIA. PROGRAMA NÚMERO 1. PONTEAREAS

A vila de Ponteareas pode presumir de ter unha celebración declarada de Interese Turístico Internacional, unha das máis altas distincións que se ofrecen. Foi concedida a súa festa do Corpus Christi. Isto fai que sexa a vila máis apropiada para comezar o primeiro programa de “Aquí Galicia”.

Polo set do programa, instalado na Praza Maior da vila ponteareán, pasarán algúns dos personaxes máis coñecidos e representativos da zona e, como non podía ser menos, algúns dos protagonistas do día, os responsables da confeccións das alfombras. Teremos, en directo, á Escola de Alfombristas de Ponteareas, cuxos alumnos teñen unha idade media dos 8 e 9 anos. Eles serán os encargados de confeccionar, ao longo de todo o programa, unha das tradicionais alfombras do Corpus Christi ponteareán.

Tamén veremos en directo como debullan as flores para sacar todos os seus pétalos que logo irán destinados á alfombra. Charlaremos cuns veciños que nos mostrarán como se fai esta labor dun xeito rápido e eficaz.

A vila de Ponteareas tamén é famosa por convidar todos os anos a outras vilas ou cidades famosas tamén polas súas alfombras. Este ano as representacións convidadas proceden de La Laguna, nas Illas Canarias, Monçao en Portugal ou Uniejów, en Polonia. “Aquí Galicia” falará tamén cos representantes destas tres cidades cunha fonda tradición alfombrista e coñeceremos as súas tradicións.

Se ben é certo que a festividade do Corpus Christi é moi importante, tamén é certo que Ponteareas destaca por moitos máis aspectos. O seu pasodoble é mundialmente coñecido e recoñecido. Mesmo foi interpretado no Buckingham Palace, ante a raíña Isabel II de Inglaterra, pola Real Banda Galesa. Escoitaremos como soa ese fermoso pasodoble que estará interpretado, en directo, pola Banda de Música “Unión de Guláns”.

E se falamos de música, unha figura clave en Ponteareas é o mestre Rogelio Groba, un dos nomes propios con máis prestixio en toda España.

Ponteareas non só destaca no cultural. Tamén é toda unha potencia en canto a deporte, música e animación.

Álvaro Pino foi e será o ciclista de Ponteareas por sempre. As súas proezas seguen vivas grazas ao Club Ciclista. Eles virán ao programa sobre rodas e, sobre rodas tamén, nos explicarán como son os seus adestramentos.

E se falamos de música e animación, Ponteareas ten para ofrecer a esgalla: grupos de pandereteiras, grupos de música e baile tradicional, bandas de gaitas, grupos pop… eles estarán tamén en “Aquí Galicia” ofrecendo a súa arte.

Todo isto e moito máis este sábado, contra as 17:30 horas, en “Aquí Galicia”!