Aprobado polo goberno o orzamento para 2021 que suma un total de 18,3 millóns de euros

O goberno do BNG e do PSOE aprobou, no último pleno ordinario e cos votos en contra dos grupos da oposición,  o orzamento do Concello para 2021, que suma un total de 18,3 millóns de euros. Un orzamento municipal no que destacan as partidas destinadas a políticas sociais, con máis de 3 millóns de euro, os investimentos destinados a infraestructuras básicas como o saneamento e as actuacións de mellora da eficiencia enexética nos edificios públicos que suman case 4 millóns de euros.

 

Uns orzamentos “equilibrados” para atender as necesidades cambiantes que pode provocar a crise da Covid-19 e que permitirán atender “con solvencia” todos os servizos básicos e acometer novos investimentos pero sen pór en risco a situación económica do Concello. O orzamento para 2021 conta cun informe de intervención que reflexa que a proposta de orzamento conta cun “aforro neto” de 1.565.962,86 euros e salienta o criterio de prudencia utilizado á hora de calcular os ingresos, sendo coincidente coa formulación requerida pola Intervención Xeral do Estado de estimar os ingresos en termos de recadación.

 

O alcalde Xosé Represas e a concelleira socialista Chus Garrote destacaron que Ponteareas é un dos primeiros concellos da Comarca e da provincia, dos de máis de 20.000 habitantes, en levar os orzamentos a Pleno.

 

Ademais de contemplar partidas para atender ás necesidades básicas e as obrigas municipais, conta con partidas por máis dun millón de euros que de entrada non están comprometidas, e que poderán utilizarse en función das necesidades e da evolución da crise da Covid.

 

O importe da débeda destinada en exclusiva a investimentos está moi por debaixo do límite legal, tendo o Concello marxe de endebedamento de varios millóns de euros, si no futuro fose preciso para novos investimentos ou para necesidades puntuais de adiantar investimentos mentres non se reciben fondos doutras administracións, principalmente de fondos europeos. “Unha situación inédita noutras épocas e que é o resultado da xestión económica realizada nos últimos cino anos” afirmou Represas.

 

Chus Garrote salientou as axudas e subvencións para os colectivos máis desfavorecidos, a partida destinada duplícase con respecto a 2019, último exercicio anterior ao COVID, pasando dos 117.000 euros destinados á axudas de emerxencia social ao 234.000 que figuran nas previsións do capítulo 4 de subvencións en benestar social para o 2021.

 

O alcalde tamén se referíu ás áreas de Benestar Social que se incrementaron en 1,3 millóns de euros en 5 anos, pasaron de 1.990.000 euros en 2015 aos 3.310.953,14 € na previsión para 2021, “un 66% máis que en 2015, un exemplo claro da aposta deste goberno polas políticas de benestar, destinando os recursos necesarios para quén máis o necesita”.