Aprobada a construción de dous novos colectores e á rehabilitación do último tramo do de Xinzo

Aprobada a construción de dous novos colectores e á rehabilitación do último tramo do de Xinzo

Iníciase así a primeira fase para que o Concello poida dotar de saneamento a todas as parroquias de Ponteareas

O consello de administración de Aguas de las Cuencas del Estado, ACUAES, dependente do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, deu luz verde ás condicións para sacar a concurso público a construción dos dous novos colectores de Ponteareas e a rehabilitación dun tramo do colector interceptor do río Xinzo. Unhas obras de mellora na rede de saneamento e depuración que, como explica a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, “suporán un paso definitivo para rematar con décadas de verteduras ao río Tea, solucionando dunha vez por todas as importantes deficiencias do sistema e as consecuencias negativas que levamos carrexando dende hai tantos anos”.

As obras contemplan a creación de dous colectores perimetrais do núcleo urbano de Ponteareas, o Colector Perimetral Norte e o Colector Perimetral Sur, así como a limpeza e rehabilitación do último tramo do Colector Interceptor do Río Xinzo, incorporando un novo pozo de bombeo ata a EDAR da Moscadeira. Estes traballos sairán a licitación por un importe de 5,1 millóns de euros, terán un prazo de execución de 18 meses e desenvolveranse ao mesmo tempo que se realizarán as melloras na estación depuradora.

“Para nós é unha satisfacción ver avanzar de forma firme nunha cuestión de vital importancia para Ponteareas que supuxeron anos de conversas, traballo e xestións entre tres administracións públicas, converténdonos nun exemplo de colaboración institucional e de entendemento en beneficio dos e das ponteareás”, recalca a rexedora. Estas novas obras suporán o punto de partida para que o Concello de Ponteareas poida dotar de saneamento a todas as parroquias, atendendo ás necesidades da veciñanza dependente da cunca do río Uma, que non pode empregar a depuradora da Moscadeira.  

Todas estas actuacións nos colectores e na propia depuradora suporán un investimento de 14,1 millóns de euros. As obras están cofinanciadas ao 50% polo Estado a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER 2014-2020, dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE); ao 30% polo Concello de Ponteareas e ao 20% pola Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia.