Aprende a escribir textos teatrais da man dunha profesional

A Concellaría de Cultura organiza un obradoiro de escrita teatral entre o 10 de marzo e o 16 de xuño. As sesións desenvolveranse os mércores de 18 a 20 horas e combinarán clases presenciais con outras a través de Internet. Para este obradoiro ofértanse 15 prazas e as persoas interesadas poden anotarse no enderezo electrónico bibliotecamuseo@ponteareas.gal e recibir máis información no 986 660 765.

 

Laura Porto, dramaturga natural de Covelo, será a persoa encargada de impartir este curso. Acadou a súa titulación superior en Arte Dramática no ano 2019, na especialidade de Dirección de Escena e Dramaturxia. Desde entón, traballou como axudante de dirección de Marián Bañobre na compañía Olivas Negras durante a montaxe da peza 12 uvas, 2 mulleres e 1 oliva e, como dramaturga e directora da compañía Amorod(i)o, no seu primeiro espectáculo, Reino da extinción, que se estreará este outono. Ademais, unha das súas obras, O senso da floración, será publicada proximamente no volume colectivo Dramaturxia galega actual, que edita Feira do Leste.

 

“Despois do éxito das primeiras edicións dos obradoiros de teatro e de escrita creativa que se desenvolveron durante os anos 2019 e 2020, con Roi Vidal e María Lado respectivamente, que se centraron, sobre todo, no traballo actoral (na representación e na interpretación) e nos xéneros poético e narrativo, este ano quixemos ofrecer estoutra modalidade: a dramática ou teatral. E coa sorte de facelo, coma sempre, cunha persoa de primeira liña” comenta o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.