A mesma pódese descargar do PlayStore, no sistema Android, ou na AppStore, no sistema iOS
A aplicación móbil municipal, presentada a comezos do pasado xullo deste ano, xa recibiu case 650 descargas neste pouco tempo, “un dato que avala que imos no camiño correcto. O Concello de Ponteareas debe achegarse máis a cidadanía e con estes resultados semella que tomamos a boa dirección”, sinala Benito Márquez, concelleiro de Novas Tecnoloxías.
A ferramenta, que foi elaborada con medios propios e sen custe ningún para as arcas municipais, “está recibindo moi boas críticas por parte dos usuarios. Unha das funcionalidades que máis útil lles pareceu foi a posibilidade que ofrece de saber en cada momento cal é a farmacia de garda na vila”.
Do mesmo xeito, Benito Márquez sinala que “dentro de pouco temos pensado implantar algunhas novidades para mellorar a navegación e acceder a toda a información dunha forma máis áxil e intuitiva”.
Para obter a aplicación, tan só é necesario entrar no PlayStore, nos dispositivos con sistema Android, ou na AppStore, para os móbiles con sistema iOS, buscar a aplicación “Concello de Ponteareas”, e instalala no seu aparato.