Aparcamento reservado para clientes da praza de abastos

A concellería de Comercio, Hostalería e Consumo que dirixe Inés Vida da resposta á demanda dos comerciantes da praza de abastos que dende hai anos solicitan prazas reservadas de aparcamento para a súa clientela.  Para facelos máis competitivos Inés Vidal dispuxo prazas de aparcamento de balde neste espazo comercial no que mercar os mellores produtos frescos.

Coa intención de incentivar as compras na praza de abastos, Inés Vidal reserva trece prazas en horario de 09 a 14 horas únicamente para a clientela da praza. A partir das nove da mañá unha barreira delimitará ata as 14 horas a zona de aparcamento exclusivo na rúa Cantón de Boavista. Os usuarios e usuarias tan só terán que achegarse á barreira para que esta se accione e os deixe acceder. Para sair deberán aportar unha moeda que os e as comerciantes da praza de abastos lles facilitarán polas súas compras.

“Esta era unha demanda da asociación da praza de abastos que como centro comercial reclamaba este servizo. Promocionar a praza de abastos e dar a oportunidade á clientela de atopar un lugar doado e cómodo donde facer as súas compras é o obxectivo destas prazas reservadas. Por outro lado facilita o estacionamento aos profesionais da hostalería que mercan na praza de abastos os seus produtos frescos e dispoñen de moi pouco tempo. A nosa pretensión é que na súa lista da compra estean os produtos da praza símbolo de mercado no que atopar froita, verduras, hortalizas, peixe ou carne, entre outros produtos”, explica Inés Vidal.