Antonio García Teijeiro inaugura a nova temporada do ciclo “Venres D_letras”

O Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil presentará en Ponteareas unha antolóxica da súa poesía para adultos

O próximo venres, día 10 de xaneiro, o ciclo literario “Venres D_letras”, organizado pola Concellería de Cultura, retoma a súa actividade. Para inaugurar esta nova temporada contará coa presenza do poeta e narrador Antonio García Teijeiro, un dos máximos representantes da Literatura Infantil e Xuvenil galega dos últimos anos, categoría na que recentemente foi recoñecido co Premio Nacional.

García Teijeiro achegarase a Ponteareas para presentarnos unha antolóxica da súa obra para adultos: “Pasando as follas do tempo (Antoloxía poética 1987-2017)”, editada por Belagua. Trátase dunha escolma da que, con toda probabilidade, é a súa faciana menos coñecida: a súa poesía para adultos, agochada tras do enorme éxito dos seus traballos para a mocidade. Esta escolma abrangue dende os anos 80 ata a actualidade e representa un paseo polo interior do home.

Son poemas profundos e ben deliñados nos que o autor amosa a súa alma espida e mailas cicatrices que a vida deixou nela, exhibindo o desacougo dun home sensible e desconcertado pola deriva dunha sociedade que manca. Ao mesmo tempo, achegámonos á evolución do seu propio pensamento así como da súa poética, cada vez máis minimalista e profunda, máis diáfana e concisa.

A poesía de García Teijeiro achégase máis ao concepto de sinceridade que ao de tristura, pois desborda autenticidade. Son versos nos que, a cotío, se albisca unha luz de esperanza, unha raiola de sol no medio da tormenta de sensacións que provoca a lectura.

Son versos reflexivos e pasionais que florean segundo se van facendo carne dentro de nós.

Antonio García Teijeiro, profesor, escritor e crítico, é un dos grandes poetas e narradores da literatura infantil e xuvenil galega, cunha extensa obra iniciada en 1988 e que supera na actualidade os 50 títulos. Conta no seu poder con premios tan relevantes como o Merlín, o premio europeo Pier Paolo Vergerio ou o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil de España. A súa obra figura, entre outras, na prestixiosa Lista de Honra do IBBY.