Ampliado o prazo para revisar e aprobar definitivamente o PXOM

A Xunta debía tomar unha decisión antes do 13 de febreiro. A complexidade e volume do traballo e a necesidade de aclarar e unificar criterios de carácter técnico fan preciso contar con máis tempo para asegurar a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal

O goberno municipal informou da ampliación do prazo para que a Xunta aprobe definitivamente o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Desde que se iniciou na Xunta a revisión do documento, aprobado provisionalmente polo Pleno o pasado mes de outubro, mantivéronse diferentes reunións entre responsabeis políticos e persoal técnico das dúas administracións. A Xunta debía tomar unha decisión sobre o PXOM antes do 13 de febreiro, data na que conclúen os tres meses estipulados por lei, pero ambas as dúas administracións observaron que, dada a complexidade e volume do traballo e a necesidade de aclarar e unificar criterios de carácter técnico, era preciso contar con máis prazo para asegurar a aprobación definitiva do Plan.

Para dispor dese tempo engadido o Concello cumpríu coa formalidade administrativa de solicitar á Xunta a ampliación do prazo para que os equipos técnicos das dúas administracións pechen os flecos que conducirán á aprobación definitiva do Plan no máis breve prazo posíbel.

O goberno local sinalou que “nas reunións mantidas nestes meses, as dúas administracións coincidimos na imperiosa necesidade de concluir este proceso que se iniciou en 2002 e a Xunta nos transmitíu a súa vontade inequívoca de aprobar o PXOM, por iso estamos traballando conxuntamente e con intensidade na revisión final do Plan e a previsión é que a apobación definitiva se produza nun prazo moi breve de tempo”.