Co gallo do fin do curso, o IES Pedra da Auga organizou un encontro e charla de Álvaro Pino co alumnado
Inaugurouse un mural en memoria da famosa vitoria do corredor ponteareán, deseñado e elaborado polo alumnado de Debuxo Artístico de 1º de Bacharelato
O Ciclista ponteareán, Álvaro Pino achegouse o pasado mércores ata o IES “Pedra da Auga” convidado pola Dirección do Centro e o profesor de Lingua Galega Matías da Torre, a fin de compartir co alumnado de 1º e 2º da ESO as súas experiencias deportivas, pero sobre todo para conmemorar o 30 aniversario do seu triunfo na Volta Ciclista a España.

De esquerda a dereita: Cristina Fernández, concelleira de Ensino, o ciclista Álvaro Pino, e Matías da Torre, profesor de Lingua Galega
A xornada tomou forma de entrevista, e despois da presentación do profesor do Centro, tanto o alumnado como a Concelleira de Ensino, Cristina Fernández fixeron numerosas preguntas sobre o gran acontecemento do ano 1986, o recibimento que tivo o corredor en Ponteareas e sobre a súa traxectoria profesional no ciclismo ata o día de hoxe.
“Con 18 anos, comecei na categoría amador, e nunha competición en Santiago de 130 quilómetros, gañei, e xa tivo repercusión local. Aos poucos, chanzo a chanzo, pedalada a pedalada, superando moitos atrancos fun facendo un oco. É importante non coller atallos nin no deporte nin na vida, devagar, con constancia, fanse as cousas sempre mellor.”, aconsellou, non se antes animar ás rapazas e rapaces do Pedra da Auga a estudar moito e compaxinar os estudos co deporte.
Pino lembrou a súa etapa como Director deportivo dende 2008 do “Xacobeo Galicia”, que disputou as competicións continentais profesionais, ata o ano 2010, no que a Xunta de Galicia retirou o seu apoio e condenou á desaparición á equipa. “É sempre importante o traballo de base que se realizan desde os diferentes clubs nas vilas e cidades, mais aínda é tan importante ter un referente, un equipo profesional como foi o Xacobeo Galicia, unha saída profesional para os ciclistas e unha magnífica publicidade para o deporte galego e o nome de Galicia polo mundo adiante”, reivindicou.
Tras a charla, os alumnos do 1º curso de bacharelato de Debuxo Artístico agasallaron a Álvaro Pino cun mural, rememorando a vitoria de fai xa 30 anos na Volta á España. O deseño foi elaborado por Uxía Loureiro e Aroa Carballido.
O alcalde Xosé Represas, acompañado pola concelleira de Ensino, Cristina Fernández, e o concelleiro de Deportes, Benito Márquez, tamén tivo palabras de loanza para o egrexio deportista ponteareán: “É un exemplo no persoal e no deportivo, por ser un incansable traballador, e por ter proxectado a nosa vila por todo o mundo, conseguindo relacionar o seu nome con Ponteareas” manifestou Xosé Represas.