Alumnas e alumnos do Campus Tea visitan a praza de abastos

Arredor de trescentos cativos participaron nos campamentos de verán Campus-Tea de Ponteareas que comezou no mes de xullo e rematará a finais de agosto. Esta mesma semana preto de cincuenta pequenos e pequenas visitaron a praza de abastos de Ponteareas para coñecer os diferentes produtos do mar e da terra e a relación entre os praceiros e compradores.
O Campus-Tea 2017 organízase arredor de diversos contidos, así na primeira quenda de xullo a temática foi Bechos! no que se achegaron á vida deses pequenos seres que nos rodean a cotío. Na segunda quenda de xullo e baixo o título “Superheroes e Superheroinas” achegaronse aos diferentes personaxes de ficción que aparecen nos cómics, tamén descubriron outros como Nelson Mandela, Teresa de Calcuta…
Na primeira quenda de agosto mergulláronse na ciencia como ferramenta para dar solución aos problemas da vida e xa, nesta última quenda de agosto toca promover as habilidades domésticas para todos e para todas.

“O Campus-Tea 2017 divídese en sete áreas ou ámbitos do desenvolvemento como: lúdico-educativa, identidade e autonomía persoal, saúde e deporte, afectivo-social e comunicación, expresión e creatividade, medio ambiente e formativa”, explica a concelleira de Ensino, Cristina Fernández.

Ademáis, desenvólvese o xogo libre, os xogos de agora e de sempre, as actividades predeprotivas e deportivas, os xogos en grupo, os obradoiros e actividades de animación á lectura.

“O noso principal obxectivo é que tódolos nenos asistan e teñan o Campus-Tea como referencia dunha actividade creativa, divertida e festiva. Ao mesmo tempo servirá para que as familias poidan seguir desenvolvendo a súa actividade laboral con normalidade”, engade Fernández.

Tamén se fan saídas ao entorno, actividades familiares e actividades temáticas como a de esta semana á praza de abastos.