Alfombristas ponteareás no VII Congreso Internacional de Arte Efímero en Elche de la Sierra

O goberno de Ponteareas brinda o seu apoio, como noutras ocasións, aos alfombristas que hoxe se desprazan á localidade de Elche de la Sierra para participar no VII Congreso Internacional de Arte Efímero no que realizarán unha alfombra floral en base á tradición de Ponteareas con materiais naturais.

O Alcalde de Ponteareas trasladarase o sábado día 23 a Elche de la Sierra para apoiar e representar á nosa cidade nos actos institucionais e de promoción turística. 

Dende o día 21 ao 24 de xuño Elche de la Sierra acollerá ás delegacións chegadas dende distintos puntos de España e de outros países que exporán as distintas maneiras de entender e plasmar a través das súas alfombras o concepto de arte efímero. 

Serán un total de 240 congresistas que acudirán e compartirán experiencias e transmitirán a arte de cada pobo Alfombrista nun evento no que se agarda atraia a máis de 10.000 persoas. 

Alfombristas de tres continentes: de Europa, Asia e América amosarán no Congreso as súas técnicas e deseños. Haberá ponencias de delegacións de Japón, Corea do Sur, Malta, Italia, Tíbet, India, Bélgica, Alemania e México.

O goberno de Ponteareas, que financia e posibilita a presenza dos e das alfombristas ponteareás, insiste na importancia de apoiar e difundir este xeito de facer arte que en Ponteareas sobrepasa a barreira dos 160 anos, que ten o recoñecemento de Festa de Interés Turístico Internacional, que se atopa en proceso de tramitación do Ben de Interese Cultural Inmaterial e que seguirá medrando dando todos os pasos precisos para que teña todos os recoñecementos que merece o espírito e paixón dos alfombristas.