Alexandro Bouzó presenta “Pensamiento contrafáctico” para clausurar o Abril, mes dos libros en Ponteareas

Alexandro Bouzó, natural de Reboreda (Redondela) mais que vive en Santiago de Oliveira (Ponteareas) dende a infancia, presenta a súa primeira novela no marco das actividades que está a desenvolver a Concellaría de Cultura do Concello de Ponteareas.

Será o acto que peche o ciclo de presentacións de libros que leva todo o mes de abril a conmemorar o Día Mundial do Libro e o Dereito de Autor e que ten como denominador común a aposta polas escritoras e escritores do municipio. O acto terá lugar o venres 30 de abril, ás 19 horas na sala multiúsos do Auditorio Municipal, e contará coa presenza e participación do autor e de Gabriel Cajide, director do grupo de teatro Pena do Equilibrio de Ponteareas.

Nestes intres, Alexandro Bouzó estuda un grao en Psicoloxía e xa acadou varios premios en concursos de relatos tanto no IES do Barral, onde estudou, como o 2º premio do concurso de Relatos Ilustrados de Nadal, que organizou a Concellaría de Cultura do dito Concello.

Pensamiento contrafáctico é a súa primeira novela, unha historia que transcorre entre un clima xuvenil e que está ambientada en Ponteareas.

“Clausuramos este ciclo de presentacións que alcumamos como Abril, mes dos libros con esta primeira novela de Alexandro Bouzó, unha historia que leva, triplamente, o nome de Ponteareas: está creada por un ponteareán, a protagonista é a mocidade de Ponteareas e está ambientada no noso termo municipal” comenta o edil de cultura, Fernando Groba. Ademais, salienta “o éxito deste ciclo que estivo arroupado por unha alta participación de público” e agradécelle, encarecidamente, “a disposición e a amabilidade de todas as persoas que formaron parte del”.

Para asistir á presentación, é necesario reservar entrada a través do teléfono 618 705 635 ou escribir un correo electrónico a auditoriomunicipal@ponteareas.gal.