A nova pista de “skate” situada no parque das Pombas de Ponteareas acollerá o martes 2 de xuño, a partir das 20:00 horas, a participación de varios afeccionados aos deportes urbanos. Entre 20 e 30 persoas participarán con bicis, patíns e monopatíns nunha improvisada exhibición que servirá como inauguración oficiosa da instalación deseñada e instalada pola Escola de Canteiros da Deputación de Pontevedra.
Adrián Otero, profesor de escultura na escola, afeccionado ao “skate” e ideólogo desta obra, salienta que “este tipo de proxectos serven para modernizar o oficio de canteiro e, asemade, permiten difundir un dos materiais máis característicos da nosa provincia como é o granito.”
A pista de “skate” está composta por nove elementos de granito galego aptos para a práctica de deportes de rodas, cunha dificultade inicial e media. Consta dun “wallrider” curvo, un caixón, unha pirámide en ángulo recto, un “wallrider” cun arco, un caixón curvo, un “wallie”, unha pirámide normal, un caixón en baixada e unha pirámide “corner”. Adrián Otero destaca tamén que “o granito é un material máis duradeiro que os empregados habitualmente na construción deste tipo de pistas”.
Dende o Concello de Ponteareas queren animar a todos aqueles afeccionados a estas modalidades deportivas a achegarse ata unha instalación que xa se atopa aberta ao público.