A Xunta de Goberno Local do Concello de Ponteareas adxudicou na súa sesión do día 13 de outubro de 2014 as obras da terceira fase do saneamento da parroquia de Bugarín.
Estas obras de “Saneamento integral da parroquia de Bugarín. Fase III”, incluídas no Plan urxente de mantemento de servizos e infraestruturas municipais 2014 da Deputación de Pontevedra, suporán un investimento de 135.094,59 euros e permitirán ampliar a infraestrutura de saneamento na parroquia de Bugarín, a través de 2 ramais que conectarán co colector sur.
Nesta recén adxudicada terceira fase, os traballos levaranse a cabo na parte alta da parroquia de Bugarín e incluirán a construción de dous ramais da rede de saneamento de augas fecais e pluviais, cunha lonxitude aproximada de 363 e 638 metros, respectivamente, así como a colocación de tuberías de PVC de 200 mm de diámetro e a construcción de pozos de rexistro, entre outros.
As obras desta Fase III, xunto coas da Fase II que se están levando a cabo na actualidade, significarán un investimento total de 250.778,28 euros destinados á ampliación da rede de saneamento de Bugarín.
Coa adxudicación e realización das obras desta terceira fase, que comezarán nas vindeiras semanas e cun prazo de execución aproximado de tres meses, máis de 40 vivendas adicionais poderanse conectar ao saneamento, completándose, pois, o saneamento integral da parroquia de Bugarín, que dará servizo en total, despois das obras das tres fases, a máis de 103 vivendas.
“As obras de saneamento adxudicadas desta terceira fase, xunto coas xa rematadas das fases anteriores, máis as das fases restantes que serán licitadas en próximos proxectos, virán completar o saneamento integral da parroquia de Bugarín, como así aconteceu noutras parroquias como Xinzo, Arnoso ou Areas”, afirma o alcalde Salvador González Solla.